Saltar ao contido

Vía da lectina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura da manosa na súa forma α-D manopiranosa. O manano é un polímero da manosa.

A vía da lectina ou vía da MBL é un tipo de reacción en cadoiro que se dá no sistema do complemento do sistema inmunitario innato, que se parece en estrutura á vía clásica do complemento,[1] porque, despois da activación, procede por medio da acción dos compoñentes do complemento C4 e C2 para producir proteínas activadas do complemento augas abaixo do cadoiro de reaccións. A diferenza da vía clásica, a vía da lectina non recoñece anticorpos unidos á súa diana. A vía da lectina empeza coa unión da lectina que se une á manosa (ou MBL, do inglés mannose-binding lectin) ou da ficolina a certos azucres.

Nesta vía, a lectina que se une á manosa (MBL) actúa uníndose á manosa, glicosa ou outros azucres con grupos 3-OH ou 4-OH situados no plano ecuatorial, en posicións terminais dos carbohidratos ou compoñentes glicoproteícos de microorganismos, como bacterias de cepas de Salmonella, Listeria e Neisseria. Patóxenos fúnxicos como Candida albicans e Cryptococcus neoformans así como virus como o VIH-1 e o virus respiratorio sincicial (RSV) únense á MBL.

A MBL ou lectina que se una á manosa (ou ao manano), tamén chamada proteína que se une á manosa, é unha proteína que pertence á familia da colectina, que se produce no fígado e pode iniciar o cadoiro do complemento ao unirse á superficie de patóxenos.

A proteína MBL forma oligómeros de varias subunidades, que son trímeros (de maneira que oligómeros de 6 a 18 subunidades corresponden a un dímero e un hexámero, respectivamente). Os multímeros da MBL forman un complexo coa MASP-1 (siglas do inglés Mannose-binding lectin-Associated Serine Protease 1, serina protease asociada á lectina que se une á manosa 1), MASP-2 e MASP-3, que son proteases de tipo cimóxeno. As MASPs son moi similares ás moléculas C1r e C1s da vía clásica do complemento. Cando as cabezas que recoñecen os carbohidratos da MBL se unen a residuos de manosa especificamente dispostos da superficie dun patóxeno, son activados MASP-1 e MASP-2 para cortar os compoñentes do complemento C4 e C2 dando lugar a C4a, C4b, C2a e C2b. Poden atoparse tamén dúas proteínas asociadas a MBL (MAps) máis pequenas en complexo coa MBL de 19 kDa (MAp19) e de 44 kDa (Map44). MASP-1, MASP-3 e MAp44 son produtos de empalme alternativo do xene MASP1, mentres que MASP-2 e MAp19 son produtos de empalme alternativo do xene MASP-2. Suxeriuse que MAp44 actúa como inhibidor competitivo da activación da vía da lectina, ao desprazar MASP-2 da MBL, impedindo así o corte de C4 e C2 [2]

Convertase de C3

[editar | editar a fonte]

O compoñente do complemento C4b tende a unirse ás membranas celulares bacterianas. Se entón non é inactivado, combínase con C2a para formar a convertase de C3 clásica (C4bC2a) na superficie do patóxeno, diferente da convertase de C3 da vía alternativa (C3bBb). C4a e C2b actúan como potentes citocinas; C4a causa a desgranulación de mastocitos e basófilos, e C2b actúa incrementando a permeabilidade vascular.[3] Historicamente, o fragmento máis grande de C2 foi chamado C2a, pero algunhas publicacións refírense agora a el como C2b para manter a convención que asigna o 'b' ao fragmento máis grande.[4]

Importancia clínica

[editar | editar a fonte]

Deficiencia de MBL.- Os individuos afectados teñen tendencia a presentar infeccións recorrentes, como infeccións do tracto respiratorio superior e outros sistemas corporais. As persoas con esta condición poden tamén contraer infeccións máis graves, como pneumonía e meninxite. Dependendo do tipo de infección, os síntomas causados polas infeccións varían en frecuencia e gravidade.[5] De todos os xeitos, a importancia clínica da deficiencia de MBL é discutida.[6]

Os bebés e nenos pequenos con deficiencia de MBL parecen ser máis susceptibles a infeccións, pero os adultos poden tamén desenvolver infeccións recorrentes. Ademais, nos individuos afectados sometidos a quimioterapia ou que están tomando fármacos que suprimen o sistema inmunitario son especialmente frecuentes as infeccións.[5]

  1. ↑ Wallis R, Mitchell DA, Schmid R, Schwaeble WJ, Keeble AH (2010). "Paths reunited: Initiation of the classical and lectin pathways of complement activation". Immunobiology 215 (1): 1–11. PMC 2824237. PMID 19783065. doi:10.1016/j.imbio.2009.08.006.
  2. ↑ Degn, Søren; Annette G. Hansen; Rudi Steffensen; Christian Jacobsen; Jens C. Jensenius; Steffen Thiel (November 2009). "MAp44, a Human Protein Associated with Pattern Recognition Molecules of the Complement System and Regulating the Lectin Pathway of Complement Activation". Journal of Immunology 183 (11): 7371–7378. PMID 19917686. doi:10.4049/jimmunol.0902388.
  3. ↑ Stanley, Jacqueline (2002-01-01). Essentials of Immunology & Serology (en inglés). Cengage Learning. p. 103. ISBN 978-0766810648.
  4. ↑ First Aid for the USMLE Step 1 2015
  5. 1 2 "Mannose-binding lectin deficiency". Genetics Home Reference. US National Library of Medicine. Consultado o 23 de outubro de 2016. Este atigo incorpora texto desta fonte, que está en dominio público.
  6. ↑ Bradley, D. T.; Bourke, T. W.; Fairley, D. J.; Borrow, R.; Shields, M. D.; Young, I. S.; Zipfel, P. F.; Hughes, A. E. (agosto de 2012). "Genetic susceptibility to invasive meningococcal disease: MBL2 structural polymorphisms revisited in a large case-control study and a systematic review". International Journal of Immunogenetics 39 (4): 328–337. PMID 22296677. doi:10.1111/j.1744-313X.2012.01095.x.[Ligazón morta]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]