Vaduz é a capital do principado de Liechtenstein. É a sede do goberno do Principado e o lugar de residencia da familia principesca desde 1939. A cidade acolle tamén a sede do Arcebispado de Liechtenstein, á par que constitúe unha recoñecida praza financeira internacional.
Contaba con 5.214 habitantes en 2010[1] e o seu termo urbano esténdese sobre 17,3km². Está bañada polo río Rin e situada a 455 metros de altitude.
O nome de "Vaduz" aparece mencionado por primeira vez no ano 1150 e polo que parece provén de avadutg, que en lingua romanche significa «acueduto». Alternativamente ofrécese a explicación dunha evolución híbrida do latín vallis "val" e o antigo alto alemándiutisk, "alemán" (deutsch en alemán moderno).
No ano 1948 a empresa do municipio de Mauren Contina AG, a 15 km de Vaduz, saca ao mercado a primeira calculadora de peto, a CURTA Tipo I, un invento mecánico de Curt Herzstark deseñado precariamente cando era un preso no campo de concentración de Buchenwald. O dispositivo permitía realizar operacións de suma, resta, multiplicación, división, e raíces cadradas. Foron moi populares ata o 1970, coa chegada da calculadora electrónica.[2]
O Gemeinderat ou Concello Municipal é elixido por catro anos por votación popular e ten 12 membros.
En xuño de 2001 asinouse en Vaduz a convención da Asociación Europea de Libre Comercio, que liberalizaba o comercio entre os Estados membros incluíndo nos acordos para todos os países os avances en comercio entre Suíza e a Unión Europea.[3]
A concelleira durante o período 2019 a 2023 Petra Miescher do partido liberal-conservador Unión Patriótica foi escollida alcaldesa no ano 2023 co 55,3% dos votos, en substitución de Manfred Bischof. Renunciou ao cargo o 24 de maio de 2024 tras unha prolongada baixa médica, o que abriu un debate legal sobre o método de sucesión, xa nin que a lei municipal bipartidista de 1974, nin a revisión de 1996, contemplaban o caso. Finalmente foi o tenente de alcalde, Vizebürgermeister Florian Meier, o nomeado para ocupar o cargo ata que se celebren eleccións o 25 de agosto de 2024.[4]