Entre o seu patrimonio destaca a Lapa de Gargantáns, elemento central do escudo municipal. Trátase dun menhir situado na parroquia de Gargantáns e datado no Neolítico, de 192cm de altura e 50 de diámetro, con forma cónica e base cadrada. Na súa superficie aparecen unha vintena de cazoletas gravadas, xunto a varias marcas en forma de ángulo e dúas liñas serpenteantes. É o motivo principal do escudo do concello de Moraña.
En Moraña cren que cando a agonía se prolonga moito é porque o moribundo ten unha débeda pendente con alguén. Sábese porque cando chega esta persoa ó seu carón prodúcese a morte ó pouco tempo, o que se explica como se estivese esperando por el para que o perdoase antes de morrer [1].
Cantigueiro
Ai aldea de Soar,/ non é unha que son todas,/ poñen dous pares de medias/ para ter as pernas gordas[2]
Miña Virxe dos Milagres/ que fas milagres na terra,/ fixeches nace-la auga/ na fonte da Rozavella[3].
Miña Virxe dos Milagros,/ os milagros vanse vendo,/ ás rapaciñas de agora/ vaille a barriga crecendo[4].
Miña Virxe dos Milagros/ vive no alto do Chan,/ para ver os mariñeiros/ como bogan polo mar[5].
Santa Xusta de Moraña/ foi tres anos muiñeira/ tiña a escoba de palma,/ trabadoiras de oliveira[6][7].
Santa Xusta de Moraña/ tres anos foi muiñeira/ tiña a basoira de palma/ e a escoba de oliveira[8].
↑Soar é unha aldea de San Lourenzo de Moraña. Fonte: Xavier Castro.
↑Refírese, como na seguintes cantigas, á Virxe dos Milagres de Amil. Gran Enciclopedia Galega II, s. v. Amil
↑Fermín Bouza Brey 1929, 189. No orixinal: âs rapaciñas. Bouza Brey di que o santuario dos Milagros se sitúa no concello de Cuntis, pero ten que referirse á virxe dos Milagros de Amil, Moraña, concello lindeiro con aquel.