Colonia de R. brevirostris en Big Koniuji, illas Shumagin
Rissa é un xénero de gaivotas (láridos) que comprende dúas especies: Rissa brevirostris, do mar de Behring, e Rissa tridactyla, que é o garrucho ou gaivota tridáctila, do Atlántico e mares boreais, que se pode ver nas costas de Galicia. O nome do xénero Rissa procede do islandés Rita, que é o nome que se lle dá alí a R. tridacytla.[1]
As dúas especies son fisicamente moi similares. Teñen unha cabeza e corpo brancos, dorso gris, ás grises coas puntas negras e peteiro amarelo. Os adultos de R. tridactyla son algo máis grandes (duns 40cm de lonxitude e envergadura de 90–100cm) que os de R. brevirostris (35–40cm de lonxitude e unha envergadura de 84–90cm). Outras diferenzas son que R. brevirostris ten un peteiro máis curto, ollos máis grandes, cabeza máis grande e máis arredondada e ás dun gris máis escuro. Aínda que a maioría das R. tridactyla teñen patas negras, algunhas teñen patas de gris rosado a avermelladas, o que fai que a coloración sexa unha característica pouco fiable para distinguila da R. brevirostris de patas vermellas. R. brevirostris ten o dedo posterior ben desenvolvido, pero as poboacións do Pacífico de R. tridactyla tamén (non así as poboacións europeas), polo que tampouco é unha característica distintiva.
A diferenza dos polos con manchas doutras especies de gaivotas, os polos de Rissa teñen moito penuxe branco, porque teñen un risco relativamente baixo de sufrir depredación, xa que os seus niños están en cantís moi esgrevios e inaccesibles. A diferenza doutros polos de gaivotas que deambulan en canto poden camiñar, os de Rissa permanecen sentados e quietos instintivamente no niño para evitar caer do cantil.[2] Os individuos novos tardan tres anos en chegar á madurez. Cando teñen plumaxe de inverno, ambas as especies do xénero teñen unha mancha gris escura detrás do ollo e un colar gris traseiro no pescozo. Os sexos non se distinguen visualmente.
Son aves que se reproducen nas costas e habitan no Pacífico Norte, Atlántico Norte e Ártico. Forman colonias grandes, densas e ruidosas durante o período reprodutor do verán, a miúdo compartindo o hábitat con araos. Son as únicas especies de gaivota que normalmente aniñan exclusivamente en cantís, con algunhas excepcións en Inglaterra.
Área de distribución moi limitada ao mar de Bering, reproducíndose só nas illas Pribilof, Bogoslof e Buldir nos Estados Unidos e nas illas do Comandante en Rusia. Nesas illas, comparte algúns dos mesmos hábitats de cantil que R, tridactyla, aínda que hai algunhas segregación localizada entre as dúas especies nun determinado cantil.