Andújar é unha cidade e un concello da provincia de Xaén, en Andalucía (España). Cabeza da comarca da Campiña de Xaén. A poboación do municipio en 2016 era de 37975 habitantes, sobre un extenso municipio de 957km², o maior da provincia.
Andújar está situada ao noroeste da provincia de Xaén, aínda que a capital está na campiña e ás beiras do río Guadalquivir, o territorio municipal setentrional está accidentado pola Serra Morena, que en parte conforma o Parque Natural da Serra de Andújar. O Guadalquivir divide o concello en dúas partes diferentes.
Os restos máis antigos pertencen ao Paleolítico da cultura acheulense. En época prerromana localizábase aquí a cidade ibérica de Isturgis, aínda que é un erro repetido identificar Andújar coa antiga Illiturgis, que corresponde a actual Mengíbar (o erro consérvase no xentilicio iliturxitano que se adxudica aínda aos andujareños). Foi o Municipium Isturgi Trumphale dos romanos. A denominación Sturgis perduraba aínda en época visigoda.
Foi ocupada en 1808 polos franceses. En 1823, en ocasión da invasión dos Cen Mil Fillos de San Luís, o duque de Angulema emitiu desde aquí unha orde con obxectivo de que cesasen os movementos liberais. En 1873 declarouse cantón federal.
Igrexa de Santa María, do século XV, gótica, con torre que talvez proceda da antiga mesquita sobre a que se levantou o templo cristián. Posúe obra do Greco e de Francisco Pacheco, mestre de Velázquez.