Microclina
| Microclina (Mcc) | |||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| KAlSi₃O₈ | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||||||


A microclina (KAlSi3O8) é un importante mineral tectosilicato formador de rochas ígneas. É un feldespato alcalino rico en potasio, simbolizado Mcc.[1] A microclina contén cantidades menores de sodio. É común no feldespato do granito e nas pegmatitas. Fórmase durante o arrefriamento lento do ortoclasio; é máis estable a temperaturas máis baixas que o ortoclasio. A sanidina é un polimorfo de feldespato alcalino estable a temperaturas aínda máis altas. A microclina pode ser transparente, branca, amarela clara, de cor vermella ladrillo ou verde; caracterízase xeralmente por xerar maclas que se forman como resultado da transformación do ortoclasio monoclínico en microclina triclínica.
Xeoloxía
[editar | editar a fonte]A microclina pode ser igual quimicamente que o ortoclasio monoclínico, pero pertence ao sistema cristalino triclínico, o ángulo do prisma é lixeiramente menor que un ángulo recto; de aí vén o nome de "microclina" do grego "pequena pendente" (pequena inclinación respecto ao ángulo recto). É unha modificación triclínica completamente ordenada do feldespato potásico e é dimorfa co ortoclasio. A microclina é idéntica ao ortoclasio en moitas propiedades físicas e pode distinguirse por exame óptico ou con raios X. Cando se olla nun microscopio petrográfico polarizante, a microclina mostra un diminuto maclado múltiple que forma unha estrutura con liñas cruzadas como unha grella que é inconfundible.
A pertita pode ser microclina ou ortoclasio con láminas delgadas de albita.
A amazonita (pedra do Amazonas) é unha variedade verde da microclina. Malia o seu nome, non se pode encontrar na cunca do Amazonas. Parece que os exploradores españois que lle deron nome confundírona con outro mineral verde desa rexión.
O cristal de microclina máis grande ata agora documentado atopouse na Devil's Hole Beryl Mine, Colorado, Estados Unidos, e medía ~50 × 36 × 14 m. Este pode ser un dos cristais máis grandes de calquera material atopados ata a data.[2]
A microclina é un axente nucleante do xeo excepcionalmente activo nas nubes da atmosfera.[3] Recentemente foi posible comprender como se unen as moléculas de auga sobre a superficie da microclina.[4]
Aplicacións
[editar | editar a fonte]Emprégase na industria para a fabricación cerámica de porcelanas, para o cal se quenta a alta temperatura e fúndese comportándose como un cemento. Así, elabóranse con ela os esmaltes para pintar sobre porcelana. Igualmente emprégase na fabricación de vidros. A variedade de cor verde amazonita utilízase, unha vez polida, como material de adorno. Os aluminosilicatos potásicos tamén son un aditivo alimentario.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ L.N. Warr (2021). "IMA–CNMNC approved mineral symbols". Mineralogical Magazine 85 (3): 291–320. Bibcode:2021MinM...85..291W. doi:10.1180/mgm.2021.43.
- ↑ P.C. Rickwood (1981). "The largest crystals" (PDF). American Mineralogist 66: 885–907.
- ↑ J.D. Atkinson, B.J. Murray, M.T. Woodhouse, T.F. Whale, K.J. Baustian, K.S. Carslaw, S. Dobbie, D. O'Sullivan, T.L. Malkin (2013). "The importance of feldspar for ice nucleation by mineral dust in mixed-phase clouds". Nature 498 (7454): 355–358. Bibcode:2013Natur.498..355A. PMID 23760484. doi:10.1038/nature12278.
- ↑ G. Franceschi, A. Conti, L. Lezuo, R. Abart, F. Mittendorfer, M. Schmid, U. Diebold (2024). "How Water Binds to Microcline Feldspar (001)". Journal of Physical Chemistry Letters 15 (1): 15–22. PMC 10788961. PMID 38156776
|pmid=incorrecto (Axuda). doi:10.1021/acs.jpclett.3c03235.