A Confederación Suramericana de Fútbol, en portugués Confederação Sul-Americana de Futebol, ou coñecida tamén cos acrónimos CONMEBOL ou CSF, é a confederación de asociacións nacionais de fútbol de América do Sur e unha das seis de carácter continental que compoñen a FIFA.
A CONMEBOL foi fundada en 1916 por iniciativa do uruguaio Héctor Rivadavia Gómez e composta nun primeiro momento polas asociacións nacionais da Arxentina, Chile, o Uruguai e o Brasil. Posteriormente fóronse unindo as restantes federacións até sumar as dez actuais, que fan desta confederación a máis pequena da FIFA por número de integrantes. Paraguai uniuse en 1921, Perú en 1925, Bolivia en 1926, Ecuador en 1927, Colombia en 1936 e por último Venezuela en 1952. Ademais, aínda que a Güiana, o Suriname e a Güiana francesa pertenzan ao continente suramericano, debido a razóns históricas, culturais e deportivas decidiron unirse á CONCACAF.
Xunto coa UEFA, a CONMEBOL é unha das confederacións dominantes na FIFA, tendo gañado nove dos dezaoito Mundiais de Fútbol da FIFA, a pesar de só ter organizado catro. Así mesmo é a única Confederación que foi quen de gañar un Mundial fóra do seu propio continente (de feito, fíxoo en todos os continentes nos que se leva disputado). Dentro da CONMEBOL destacan dúas seleccións por enriba das demais, son o Brasil, que é a selección que conta cun maior número de títulos mundiais, e a Arxentina. Estas dúas seleccións, ademais de acaparar títulos mundiais (cinco e dous respectivamente) e continentais (oito e catorce respectivamente), permanecen ano tras ano nos postos de cabeza da clasificacións elaboradas pola FIFA e os seus clubs acaparan éxitos a nivel continental e global. Outra selección que tamén ten destacado é a do Uruguai, sobre todo nos seus inicios con dous títulos e dous cuartos postos en mundiais, e catorce títulos da Copa América. A nivel de clubs a Confederación tamén obtivo éxitos importantes acadando un total de vinte e dúas Copas Intercontinentais.
A Confederación organiza diferentes torneos entre os que destacan a nivel de clubs a Copa Libertadores (análoga á Copa de Europa da UEFA) e a Copa Suramericana (semellante á [Copa da UEFA]), ademais da Copa América a nivel de seleccións nacionais.
Coincidindo co Centenario da Independencia da república Arxentina en 1916, o Ministerio de Relacións Exteriores dese país doou un trofeo e convidou ás Federacións do Brasil, Chile e o Uruguai para disputar un campionato de fútbol como parte das celebracións. Aínda que neste ano non estaba en xogo o Trofeo Copa América, que se instituirá no ano seguinte, este torneo está considerado como a primeira Copa América da historia.
O torneo tivo un grande éxito e durante a súa disputa o dirixente uruguaio Héctor Rivadavia Gómez viu o contexto ideal para materializar un vello proxecto persoal: o de crear a Confederación Suramericana de Fútbol. É así como na data exacta do centenario da Independencia da Arxentina, o 9 de xullo de 1916, os dirixentes da Arxentina, o Brasil, Chile e o Uruguai se reuniron en Buenos Aires para estudar a idea de integración de Rivadavia Gómez, que finalmente sería aprobada en referendo polas respectivas asociacións nacionais. O 15 de decembro dese mesmo ano celebrouse o Congreso Constitucional en Montevideo, no que se ratificou todo o acordado. Posteriormente uniuse Paraguai en 1921, Perú en 1925, Bolivia en 1926, Ecuador en 1927, Colombia en 1936 e por último Venezuela en 1952.
No Congreso de 1990 incluíuse nos estatutos unha modificación pola cal se establece como sede permanente da institución a cidade de Asunción, capital de Paraguai. O 23 de xaneiro de 1998 inaugurouse o impoñente edificio que acolle a nova sede, localizada no distrito de Luque, Gran Asunción.